Santiago • OMC: Manifestación o 13 de Setembro en Compostela
Por lehia o 20030903
http://galiza.indymedia.org/gz/2003/09/1331.shtml

A CIG e o SLG convocaron unha manifestación co gallo do encontro da OMC en Cancún. Máis información abaixo!

Para o sábado 13 de setembro a Confederación Intersindical Galega e o Sindicato Labrego Galego teñen convocada unha manifestación que sairá ás 12 horas da Alameda de Santiago de Compostela. Esta mobilización realízase co gallo do encontro da OMC en Cancún, México. No seguinte texto as duas organizacións explican os motivos da convocatória:

O mundo non é unha mercaduria. En defensa dos nosos direitos e dos nosos recursos

Do 9 ao 14 de setembro, vai-se a celebrar en CANCÚN (México) unha nova Reunión Ministerial da Organización Mundial do Comercio (OMC), a quinta que se celebra desde a constitución, no ano 95, desta organización multilateral encargada de promover e dirixir a liberalización do comercio a nível mundial, conformando asi, conxuntamente co Fundo Monetario Internacional (FMI) e co Banco Mundial (BM), toda unha estrutura a nível internacional ao servizo do capital transnacional, para que este poida ir efectivizando a globalización, a imposición a nível mundial, do seu modelo socioeconómico neoliberal.

O mercado global que propugna a OMC e os acordos suscritos para regular o comercio internacional, promoven a absoluta liberalización dos mercados mediante a supresión das barreiras arancelarias ou calquer outro mecanismo que os Paises poidan ter para protexer as suas economias e os seus intereses nacionais.

Desde a OMC estan-se a promover medidas liberalizadoras que trascenden o proprio comercio internacional e que afectan a todos os sectores da vida económica e social (medio ambente, sandidade, ensino, cultura, alimentación, propriedade dos seres vivos...). O mundo todo converte-se nunha mercaduria en mans das multinacionais e en fonte de beneficios para o capital transnacional.

O cumio de Cancún vai-se centrar na busqueda de acordos sobre as seguintes materias:

Agricultura

Prantexa-se a libre entrada en todos os mercados de todo tipo de productos gandeiros, agricolas e pesqueiros. E dicer, garantiza-se-lles ás multinacionais que van ter total e absoluta liberdade para penetrar en todos os mercados e poder controlar aquela producción ou comercio que ainda está hoxe en mans de productores ou comerciantes locais.

Outras medidas propostas é a baixada dos prezos dos productos agrícolas e unha política de axudas que vai permitir ás grandes corporacions agroalimentares seguir facendo dumping (vender os alimentos por baixo dos costos reais de producción).

Dentro de toda esta política inscribe-se a recente reforma da Política Agraria Común (PAC), levada adiante pola Unión Europeia, que vai supor para Galiza eliminar máis explotacións labregas, perda de postos de traballo, aumento do despoboamento no medio rural e unha maior dependencia alimentar.

Servizos

Promove-se a liberalización total de servizos públicos esenciais como son o abastecimento de auga, luz, saúde, ensino, pensións, transporte, cultura, etc.. Direitos humanos básicos que soio a titularidade pública dos mesmos vai ser garante de que cheguen a toda a poboación de forma gratuita e en condicións dignas. Estos servizos son hoxe moi codiciados polo capital privado debido ao alto volume de recursos económicos que moven e polo tanto posibilidade de negocio.

Direitos de propriedade intelectual

Neste apartado regulan-se os direitos de patentes sobre medicamentos e patentes sobre a propria vida, pois abre-se a posibilidade de que as empresas patenten xenes ou organismos vivos ( plantas, microorganismos...). Transforman-se os procesos biolóxicos e naturais en mercadurias permitindo o seu acaparamento e explotación por aqueles que teñen máis capacidade para elo, as multinacionais.

Acordo Multirateral de Inversións

Retoma-se de novo un tema altamente controvertido e do que se oculta, por parte dos responsabeis, as medidas concretas que se propoñen, dado a gravedade das mesmas para a soberania e o libre desenvolvemento dos pobos. Mediante este Acordo pretende-se sentar as bases para regular as inversións extranxeiras directas nas economias nacionais, eliminando todo tipo de trabas as inversións e penetración de capital extranxeiro, o que implicaria que o Estado perderia toda a posibilidade de favorecer, apoiar ou protexer a sua industria ou os sectores económicos básicos para o seu desenvolvemento, quedando a sua economia, a sua industria e os seus servizos a merced dos intereses do capital transnacional...

Vemos pois que o que se vai a tratar no cumio de Cancún, asi como toda a política da OMC, é dunha enorme transcendencia para o futuro da humanidade. A Organización Mundial do Comercio está a actuar de punta de lanza dos intereses das multinacionais, facilitando-lle o acceso a novas fontes de explotación e de obtención de beneficios, asi como a un maior control sobre novos mercados e sobre a economia mundial.

Con estas políticas estan-se a acentuar as diferencias entre clases sociais e entre nacións, perxudíca-se gravemente os intereses das clases traballadoras, dos labregos e das labregas, dos pobos indíxenas, incrementa-se a pobreza dos pobos menos desenvolvidos, provocan-se as migracións masivas e favorece-se a concentración da riqueza cada vez máis en menos mans e en menos Estados.

Ante a gravidade de todo esto o SLG e a CIG facemos un chamamento a todas as galegas e galegos a mobilizarnos, a participar nos diferentes actos que se convoquen durante os dias que dure o comio de Cancún e a acudir a manifestación que imos celebrar o sábado 13 de setembro, ás 12 da mañá, na Alameda de Santiago de Compostela.

NON ÁS PATENTES SOBRE A VIDA.

NON Á PRIVATIZACIÓN DOS SERVIZOS PÚBLICOS.

NON AO ACORDO MULTIRATERAL DE INVERSIÓNS.

NON AO DOMINIO DO MUNDO POLAS MULTINACIONAIS.

EN DEFENSA DA SOBERANIA DOS POBOS.

EN DEFENSA DA BIODIVERSIDADE.

EN DEFENSA DUNHA CONDICIÓNS DE VIDA E DE TRABALLO DIGNAS.


actions in spain | global actions | wto cancun | www.agp.org